Ao tratarse dun apelido toponímico, é moi posíbel considerar que as familias del portadoras houberon de ter, máis aló dunha orixe xenética única, alomenos un comezo xeográfico común e moi específico: a freguesía de Santa María de Begonte, en Lugo1. Porén, é moi frecuente atopar aos seus portadores ao longo de toda a poboación galega e, indo máis aló, de toda a peninsular, sen limitarse únicamente ao territorio lucense. É así que atopemos aos Saavedra Aldao e aos seus descendentes nas bisbarras de Pontevedra e na ourensana do Ribeiro, aos Bermúdez de Saavedra na área de Compostela, aos Saavedra Romay no Morrazo e, asemade, a certos Saavedra Aguiar que foron homes de importancia e de caudais na Coruña renacentista.
Panorámica da cidade de A Coruña dende o monte de Santa Margarida. Pier María Baldi (1669)
Nesta vila aparece D. Pedro de Saavedra2, despenseiro maior das Raíñas Dona Sabela I, a Católica, e Dona Xoana I, a Tola, a súa filla, segundo consta por Real Cédula emitida o 15 de xuño do ano 1511 en Tordesillas, en que o Rei manda que se lle den ao de Saavedra unha facha de cera para catro noites e máis unha vela de catro onzas cada noite, como se facía en vida da súa defunta esposa, a Raíña Dona Sabela.
Houbo de casar D. Pedro de Saavedra con Dona Isabel de Aguiar, tendo por fillo
deste matrimonio a outro D. Pedro de Saavedra, alguacil maior do Reino de Galicia,
soldado da garda dos Reis D. Carlos I e D. Filipe II. En numerosas cartas de pago ao
receptor xeral da Súa Maxestade en Galicia e administrador do Real Hospital de
Santiago, D. Bartolomé de León, este D. Pedro de Saavedra é chamado, no periodo que
abrangue dende o ano 1566 ata o 1570, tanto “criado de Su Majestad”, encargado de
recaudar la renta de Su Majestad, de 18.000 mil maravedíes de renta cada año, sobre las
rentas y alcabalas de la ciudad de Santiago y de su provincia
, “miembro de la Guardia
Vieja de Su Majestad”, e máis “Alguacil de la Real Audiencia de Galicia”3. Por estes servizos recibiu mercede rexia, dispoñendo dun salario de 180 maravedíes que podería
disfrutar xa dende o seu retiro, na súa casa. O primeiro soberano da dinastía Habsburgo
faríalle o 12 de agosto de 1551 confirmación, para el e máis para os seus herdeiros, do
privilexio que lle fora dado en 1511, corenta anos despois da Real Cédula de
Tordesillas.
Fixo testamento D. Pedro de Saavedra na cidade da Coruña en 1572, instrumento no que se intitula a si mesmo como escudeiro da súa Audiencia. É máis que probábel que se trate tamén do mesmo D. Pedro de Saavedra que, en tal tempo e cidade, ostentaba o rango de executor da Real Audiencia de Galicia, como se conserva en varios documentos datados en novembro de 15684. Polas súas mandas e postrimeiras vontades dáse a coñecer o nome da súa muller, Dona Ana Flores, e dos seus fillos: D. Gregorio e D. Bartolomé de Saavedra. Sobre o segundo, dicir que foi lacaio, isto é, peón armado con bésta, do Rei D. Felipe II e que redactou o seu codicilo en Madrid, con data 23 de febreiro de 1580, mandándose soterrar no Mosteiro da Nosa Señora da Mercede, na devandita corte, pertencéndolle a el e máis aos seus descendentes, como panteón familiar, o retábulo e piar existente fronte ao púlpito.
No que respecta ao maior en días, D. Gregorio de Saavedra Flores, sinalar que foi escudeiro da Real Audiencia de Galicia e, ao igual que o seu irmán, exerceu como lacaio do Rei D. Filipe II, posto que tamén lle brindarían a Emperatriz do Sacro Imperio Romano Xermánico e Raíña de Hungría, Dona María de Austria, e mailo fillo da anterior, o Arquiduque D. Alberto VII de Austria, Señor dos Países Baixos Españois.
D. Gregorio casou con Dona María Fernández de Bolaño, sendo proxenitores dos seguintes fillos, entroutros:
- Dona Rafaela Xerónima de Saavedra Bolaño.
- Dona Dominga María de Saavedra Bolaño. Tivo por marido a D. Francisco de Espinosa Zorrilla5, axuda da tapizaría da Raíña, pais que foron de Dona Ana de Espinosa, mencionada en 1659 no codicilo da súa tía Dona María.
- D. Pedro de Saavedra Bolaño. Bautizado na Coruña o xoves 3 de abril de 1577. Alguacil maior da vila de Écija, na provincia de Sevilla, e Administrador das alcabalas da Coruña. Fixo información "ad perpetuam" no ano 1595, onde se conteñen moitos dos datos relativos á súa ascendencia.
- Dona María de Saavedra. Muller do escribán D. Juan de Alesanco Romero. Fixo información da súa parentela en Madrid, durante o transcurso do ano 1599. Sobreviviu ao seu esposo e testou en 1650, facendo codicilo en 1659.
- e D. Francisco de Saavedra.
Mapa de A Coruña e os seus arredores. Autor descoñecido (ca. 1589)
Non son os únicos Saavedra que aparecen como veciños da Coruña naqueles tempos. Constan, por exemplo, outros nomes coma o de Dona Elvira de Saavedra, muller que foi de D. Horacio Pasalagua, quen en 14 de abril de 1606 outorga poder ao seu marido, para recadar cincuenta ducados adebedados por Dona Elvira González, con razón de certa dote6.
Notas
- A existencia do topónimo Saavedra na freguesía ourensana de San Pedro de Dadín, en O Irixo, podería explicar igualmente a aparición deste apelido na devandita provincia. [volver]
- Unha táboa xenealóxica da súa descendencia, que serve de base fundamental para o presente traballo, consérvase na Real Academia da Historia: Signatura: D-27, folio 25. Número de rexistro: 24435.[volver]
- Arquivo da Catedral de Santiago, Protocolos 39, folios 198 e 555; Protocolos 42, folios 205 y 445; Protocolos 50, folios 627 e 629; Protocolos51, folio 264; Protocolos 56, folios 542-43.volver]
- Arquivo da Catedral de Santiago, Protocolos 48, folios 609-10; Protocolos 44, folios 56-57.[volver]
- Sobre este cabaleiro, apuntar que podería ter algún parentesco con certa familia malagueña, orixinaria de Casarabonela, que tivo por petrucios a D.Juan de Espinosa, el Viejo, e maila súa muller, Dona Francisca de Zorrilla, quen figura como viuva xa no ano1565. Sobre estes, véxanse os traballos do linaxista D. Juan Carlos González Ternero, e publicados na web http://familiasdemalaga.hispagen.eu/. Esta conexión con Andalucía viría a xustificar, do mesmo xeito, o asentamento dos Saavedra na vila de Écija, por virtude de D. Pedro de Saavedra Bolaño. [volver]
- Arquivo da Catedral de Santiago, Protocolos 130, folio 563. [volver]