Segundo un documento anónimo, este linaxe tivo a súa casa raíz en Seares, lugar de Santo Tomé de Ames, e que no s. XVIII estaba arruinda e aforada, pero aínda se vían as súas armas antigas, unhas tenazas unha cruz e dúas ferraduras, quizais un crismón coa súa alfa e omega coa cruz en medio. As súas armas dende o s. XVI descríbense en un escudo xaqueado de oito pezas de plata e gules, con orla de azur con oito estrelas de ouro.

I XERACIÓN

  • Pedro García de Seares. Natural do lugar de Seares sito na parroquia de Ames concello de Ames (A Coruña). En 1562 cómpralle a Jácome de Parga, escríbano en Santiago, os lugares de Seares, Vilastrexe, en Santa María de Villestro, e Verufe en San Xoán de Lousame, que eran do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Antes de 1587, o foro pasa a Alberte García de Seares, irmán de Pedro.
  • D. Alberte García de Seares e Blanco “o vello”, presumiblemente o irmán de Pedro García de Seares. Casou con Dª Dominga Freire de Riobó. Natural da parroquia de Laraño concello de Santiago de Compostela. Tiveron por fillos a:

II XERACIÓN

  • D. Alberte García de Seares. Quizais relixioso, fundou unha capela dentro da igrexa de Laraño.
  • D. Juan García de Seares, ou de Agrafoxo. Casou con Dª María Freire Vázquez. Natural do barrio de Mourentans parroquia de Viceso concello de Brión (A Coruña). Filla de Alonso Vázquez de Viceso, e de Juana Freire de San Mamed da Pena. Tiveron por fillos a III.

    Como fillo maior de seu pai sucedeuno nos principais bens, patronatos e memorias. Estableceuse coa súa muller no lugar de Agrafoxo parroquia de Urdilde concello de Rois (A Coruña), polo cal lle ven o apelido. Dende 1584 era procurador do arcebispo, e familiar do Santo Oficio da Inquisición, e xunto ca súa muller fundadores da capela de Nosa Señora da Concepción dentro da igrexa de Urdilde.

    Tiña foro do lugar de Casal da Bella en Urdilde en 1611, e de Castro e Talabaza na mesma parroquia en 1632, estes dous últimos por traspaso de Fernán García. Os tres lugares eran da voz de San Xusto de Toxosoutos. Toxosoutos promoveulle preito na Real Audiencia no ano de 1616 por luctuosas.

    Aparece tamén como sucesor de Gonzalo Fernández na Secretaría da Universidade de Santiago de Compostela no ano de 1584, un tal Juan García de Seares, que aínda vivía en 1609. Pero non pode ser a mesma persoa porque sucedeuno no cargo Bartholomé García de Seares, seu fillo ata 1626, e despois un neto chamado José García de Seares que morreu os tres anos. A secretaría pasou despois a Jacinto Méndez de Montaos como marido de Catalina García de Seares, seguramente irmán de José.

    Esta liña de sucesión non pode ser a de Juan García de Agrafoxo, porque non tivo ningún fillo nin neto con eses nomes, e consta que aínda vivía en 1635, polo que se dirá máis abaixo. Sen embargo pódese dicir que o matrimonio de Jacinto Méndez de Montaos e Catalina García de Seares tivo unha filla chamada Jacinta que casou con Antonio Rodríguez de Ribas, que era mestre de cerimonias na universidade, e presumiblemente 2º medio sobriño de Don Alonso de la Peña e Montenegro, Bispo de Quito.

  • D. Pedro.
  • Dª. Lucia.
  • D. Andrés.

En 1618 e 1619 o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos promove preito na Real Audiencia da Coruña contra Pedro García de Seares e San Juan García de Seares, polo foro de Seares

III XERACIÓN

  • D. Andrés García de Seares. Foi rexedor perpetuo da vila de Padrón e da de Santiago, e secretario en propiedade do Santo Oficio da Inquisición Casou en primeiras nupcias con Dª Elena Méndez de Aledo. Tiveron por fillos a IV 1, 2 e 3. Casou en segundas nupcias con Dª María Bermudez de Castro. Viuva de D Juan Gosende y Quinteiro, escríbán de Santiago, e secretario do Santo Oficio da Inquisición. Andres e ela fundaron o vinculo do pazo e capela de Arreten en 1655, sobre os bens, presumiblemente, que aportaba Dª María.
  • CapitánD. Alberte García de Seares “o mozo”. Non era o primoxénito, senón que o era D. Andrés, pero segundo parece sucedeu a seu pai despois de largos litixios. Casou en Muros con Dª María Calvo de Caamaño. Filla de Rodrigo de Siso e Murozar, e de Dª Medina Paz Dacosta e Caamaño. Tiveron por fillos a IV
  • D. Juan García de Seares, morador en San Juan de Arriba, en terra de Entíns, posiblemente o seu cura párroco ou cando menos o capelán do benéfico da capela de San Salvador dentro de esa parroquia.
  • Dª. Dominga García de Seares. Casada en Urdilde con Domingo Bassante, fillo de Rodrigo Bassante.

En 1635 D. Andrés morador por entón en Laraño, nos bens que tiña en Rioboo e no Casal, herdades de seu avó D. Alberte “o vello”, pon preito na Coruña a seu irmán o capitán D. Alberte García de Seares, “o mozo”, porque de noite forzaralle as portas e levaralle gando e moito pan. Estes feitos parece que foran aprobados por seu pai D. Juan García de Agrafoxo, que aínda debía vivir, e reforzan a idea de que os deudos da familia apoiaban como patrón da herdanza a D. Alberte sobre D. Andrés, e parece que este actuaba en nome de seu pai e tíos. Este preito durou varios anos, e pódese ver reflexado, nos asentos dos foros de Toxosoutos, e no libro de fabrica de Santa María de Urdilde, xa que o estar en suspenso a herdanza do finado D. Juan García de Agrafoxo, os directos dominios non podían recibir as rendas.

IV XERACIÓN

  1. D. Francisco Méndez de Seares.
  2. D. María Freire de Seares. Casada na vila de Cee con Roque Marín Patiño.
  3. Dª. Elena García de Seares e Méndez. Casou co primoxénito da segunda muller de seu pai D. Benito Bermudez de Castro e Gosende. Señores que foron do pazo de Arreten en Santa María de Iria concello de Padrón (A Coruña), e ascendentes directos de Dª Rosalía de Castro.
  4. D. Antonio García de Seares e Caamaño. Natural de Muros, e despois residente en Santiago. Era notario do Santo Oficio e coopatrono da capela que fundaran seus avós en Urdilde, xa que lle tocaran as tres cuartas partes dos bens que quedaran ligados a capela, sendo o outro copatrono seu tío D. Juan García de Seares, este a súa morte deixou a súa cuarta parte os herdeiros de súa irmán Dª Dominga García de Seares casada con Domingo Bassante, na persoa de D. Álvaro Bassante. Casou con Dª Juana Somoza de Albarado. Natural de Santiago. Filla de Pedro Sánchez de Somoza, natural de Sª Mª de Ferreira, en terra de Lemos, e secretario do Santo Oficio, e de Magdalena de Alvarado, natural de Muros, e neta por vía paterna de Rodrigo Sánchez e Catalina Sánchez de Somoza, e neta por vía materna de Juan Alvarado de Palacios, secretario do Santo Oficio e de Magdalena de Alvarado Solorzano. Tiveron por filla a V.1
  5. Dª. María García de Seares.
  6. Dª. María García de Seares. Viuva doutro capitán chamado D. Luís, señor de Ocampo, moradora en Laraño, e parece ser que sen descendencia, xa que deixou todos os seus bens agregados a fundación da capela de Laraño, e fixo chamamento a todos os seus familiares. Posiblemente casou de novo, con Juan de Gorgal, en Sª Mª de Roo, proseguindo a liñaxe dos García de Seares. Digo posiblemente, porque non esta probado. Certo é que os descendentes de Juan de Gorgal levaron os apelidos García de Seares, e que estes mesmos falan de Dª María García de Seares como deuda súa, silenciando a Juan de Gorgal, seguramente por ser un labrador rico con moitas herdades procedentes de Toxosoutos, pero non de procedencia fidalga.

    Juan de Gorgal, fillo de Bartholome Gorgal de Moiño, e neto de Juan de Gorgal e Theresa do Outeiro, era natural de Santa María de Roo, do lugar de Moiño. San Xusto de Toxosoutos outorga foro a Juan de Gorgal e Theresa Douteiro de este lugar en 1606, tómao en 1620 como segunda voz Bartholome de Gorgal, e en 1654 Juan de Gorgal como neto de Juan e Theresa. O 4 de xaneiro 1629, Bartholome de Gorgal outorga testamento ante Juan Domínguez Muñiz escríbano de número da Serra, e conta como seu fillo enfermo, por entón está casado con María de Verduga, e non ten fillos, e se morre dálle todo a nora con tal de facer unha capela e fundación en Santa María de Roo. Posteriormente, os visitadores do arcebispo, falan largo e tendido sobre o asunto, xa que non se da construído, nin dado escritura nin pagado as rendas, o final cando entre 1667 e 1672 morre Juan de Gorgal, pasa a ser patrón e herdeiro o capitán D. Felipe García de Seares, como fillo más vello.

V XERACIÓN

  1. Dª Ana García de Somoza. Casou D. Antonio Pardo Vaamonde, rexedor de Santiago, por onde se perde esta liña na casa dos Pardos.
  2. Capitán D. Felipe García de Seares. Del non existen noticias da súa historia na milicia, pero pode ser moi probable que servise en Flandes, na segunda metade do s. XVII, o lado de outros parroquianos como Juan Freire de Pastoriza, sarxento de infantería, e que había de deixar a vida no campo de batalla no ano de 1690, segundo o cabo de ano que lle fixeron os seus irmáns Domingo, e Andrés Freire, en Santa María de Roo.

    Casou con Dª Antonia Vázquez de Ulloa. Filla doutro capitán, e despois rexedor perpetuo da vila de Noia, D. Juan Varela de Ulloa e Soutomaior, e de Dª Antonia de Lemos e Lobeira, súa primeira muller morta o 24 de agosto de 1673, e enterrada nas sepulturas familiares, dentro de San Martín de Noia. Esta é unha liña moi ilustre, xa que logo súa nai esta emparentada cos condes de Lemos, os Pimentel, e seu pai, cos mesmos ademais que cos Sarmiento de Salvaterra, os Andrade, os Soutomaior, os Mariño de Lobeira, e os Ulloa, xa que logo D. Juan é neto dos condes de Ulloa e Monterroso, ademais de moitas outras ilustres familias.

    Segundo o testamento que otorgou na súa casa de Mato en 1677 D. Felipe, coñecemos a todos os seus fillos: VI I a IX.

  3. Dª. Dominga García de Seares. Casou con Juan de Nimo, xuíz da xurisdicción de Toxosoutos, familiar do Santo Oficio, e escríbán, (esto último porque o din as fontes contemporáneas, porque non aparece nos protocolos de Noia). Morador no lugar de Nimo, aldea do couto e priorato de San Martín de Corenza, da voz de San Martín Pinario, e anexo a Santa María de Roo, sobre os montes que bordean o curso baixo do río Tambre.
  4. D. Alonso García de Seares, irmán menor de idade a morte de seus pais, e do cal coñecese polo testamento de seu irmán máis vello o capitán D. Felipe, que este fíxose cargo de administrar os bens da herdanza que lle tocaban. Casou posiblemente en San Juan de Lousame con Dª María Freire, e ala polo 1700, estaba en litixio co arcebispo polas rendas do mayordomazgo da vila de Noia.
  5. Capitán D. Andrés García de Seares e Soutomaior. Casou o día 12 de agosto de 1693 con Dª María González de Moledo, ou Dª María González da Ruña, segundo se menciona nos documentos, nacida o día 25 de marzo de 1671, e bautizada no mesmo día. Filla de Alberte de Moledo, e María González, veciños do lugar de Moledo en San Pedro de Outes. Nun libro de 1800, dise que este capitán D. Andrés, acudeu ca súa compañía, en 1702, a defensa de Salvaterra, Tuy e a vila de Vigo, do asedio e invasión dos ingleses, sen dubida despois da batalla de Rande. Tiveron por fillos a VI 11 a 14.

VI XERACIÓN

  1. Dª. Mencía García de Castro. Filla natural tida con Catalina de Castro, difunta en 1677. No testamento deixa a esta filla baixo a tutela da súa madrasta, e o día 5 de decembro de 1685, 11 días antes de morrer seu pai, casa con Domingo de Roo, viuvo.
  2. D. Juan García de Seares.
  3. Capitán D. Andrés García de Seares.
  4. D. Domingo García de Ulloa, presbítero, ordenado en 1700.
  5. Dª. Francisca García de Seares. Casa con Francisco de Abeixón. Fillo de Pedro de Abeixón e Catalina de Forxan.
  6. Dª. Antonia García de Seares, confirmada cos anteriores seus irmáns o día 4 de novembro de 1676.
  7. Dª. María García de Seares. Nacida o 5 de outubro de 1673.
  8. Dª. Catalina García de Ulloa. Nacida o 11 de marzo de 1675. Casou o día 2 de febreiro de 1701 con Alberte de Nimo. Fillo de Alonso de Nimo e Alberta de Nimo, moradores no lugar de Nimo.
  9. D. Antonio García de Seares. Nacido o 6 de xuño de 1677.
  10. Dª. María Antonia García de Seares. Nacida o 18 de agosto de 1685. Casa con Silvestre Francisco de Nimo, escríbán. Irmán de José Eugenio, o mesmo día que este con súa irmán Dª Juana.
  11. Dª. Juana García Varela e Seares. Nada o 16 de abril de 1698. Casou o día 17 de agosto de 1721 con José Eugenio de Nimo. Fillo de Andrés de Nimo e María Rodríguez da Costa. Neto de Francisco de Nimo, xuíz da xurisdicción de Toxosoutos, e sobriño de Juan de Nimo, mentado máis arriba, e Antonia Barreyro.
  12. D. Domingo Antonio Crecente García de Seares. Nacido o 25 de setembro de 1701. Con 60 anos foi a campaña contra Portugal, como nobre, despois foi relevado polo seu fillo máis vello D. Francisco. Casou con Dª Isabel Suárez de Lago. Filla de D. Francisco Suárez e Dª Antonia de Lago, pais tamén de D. Diego Suárez, e avós de D. José Suárez, tenente coronel de infantería e milicias de Tui, e deputado do Reino. Tiveron por fillos a VII.
  13. Dª. Francisca Paula García de Seares. Nacida o 16 de xaneiro de 1705.
  14. D. Francisco Andrés Clemente García de Seares Nacido o 24 de novembro de 1707.

VI XERACIÓN

  • Francisco García de Seares.
  • Licenciado D. Pedro García de Seares Suárez de Lago e Gorgal. Señor da casa solariega de Mato en Santa María de Roo. Mandou facer certificacións da súa nobreza en 1791, resultado de elas é unha certificación do rei de armas D. Antonio Zazo y Ortega dado en 1800, e en poder de Dª Matilde Paz García de Seares en 1960, segundo Fermín Bouza-Brey.

Fontes

  • Rosalía de Castro, en el llanto de su estirpe José Caamaño Bournacell. Madrid 1968.
  • El Solar y mayorazgo de “A Reten” de los antepasados de Rosalía de Castro.
  • Fermín Bouza-Brey, Cuadernos de Estudios Gallegos. Santiago, 1960.
  • Tumbo de San Xusto de Toxosoutos. Fondo San Martín, signatura 2.1.36, Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.
  • 1º Libro de Fabrica de Santa María de Urdilde, en AHD de Santiago.
  • 1º Libro de Fabrica de Santa María de Roo, en AHD de Santiago.
  • Libros Sacramentais de Santa María de Roo, en AHD de Santiago.
  • Protocolos de Francisco de Montaos, Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela.
  • Catalogo de preitos e expedientes de mosteiros, da Real Audiencia da Coruña.